Wendy

Posted on

 

Wendy 

Egua do monte galega

Naceu no 1987
Explotada durante 26 anos
Ten a columna completamente curvada
Caracter dominante pero afable

A HISTORIA DE WENDY

Wendy é unha egua do monte galega. Foi rescatada por unha protectora xa que ía ser enviada ó matadoiro para ser convertida en carne cando tiña 26 anos, despois de ser explotada en diferentes eidos, entre eles traballando con crianzas ás súas costas.
Ten a columna moi deformada por levar peso ás súas costas dende moi nova, probablemente dende que era só unha potra co esqueleto aínda sen consolidar.

A protectora non tiña un lugar axeitado para ela así que lle buscou unha casa de acollida. Despois dun ano vivindo na mesma foron facerlle o seguimento á familia que a tiña acollida e descubriron que a montaban empeorando unha gran ferida que tiña na espalda polo roce da silla, que lle levaran un cabalo para que a montara e criara, e que a tiñan practicamente todo o día encerrada, empeorando tamén a asma que padecía e que é moi recurrente nes equines que pasan a maior parte do día pechades en lugares mal ventilados.

Ante esta situación a protectora púxose en contacto con nós, que acabábamos de nacer como santuario, e aceptamos o seu caso.

Cando Wendy chegou era sumisa e tiña unha sombra de tristura que arrastraba con ela. Deixaba que curáramos a ferida da súa espalda sen queixas e ía a onde a guiábamos, sen iniciativa.

Ó cabo dunha semana o seu carácter cambiou por completo. Comezou a camiñar coa cabeza erguida, a ir só onde ela quería e a protestar cando lle facíamos as curas, coa determinación de quen recuperou a confianza en sí mesma e non vai deixar que a firan nunca máis.

Ó longo destes anos no refuxio conviviu con Laura P., unha egua rescatada do monte cunha perna en carne viva por causa dun cepo á que Wendy acompañaba e protexía na súa convalecencia. Por desgraza Laura non o superou e morreu dunha septicemia deixando a todes tristes, incluída Wendy.

Tamén conviviu con Lidia, unha egua que rescatamos do matadoiro e que derivamos a outro santuario porque non tiñamos espazo para ela no terreo no que vivíamos daquela.

E por suposto, compartiu uns marabillosos 6 meses con Ruso, un cabalo de 30 anos que tiña unha afección no fígado, fora explotado como cabalo de competición e cando foi maior e estivo enfermo foi desbotado. Tiveron unha relación moi fermosa na que Wendy levaba a voz cantante, a pesar do gran tamaño de Ruso, ata que tivemos que despedirnos do noso xigante branco.

Agora ten 30 anos, convive con Fuyu, Noelia e Miguel e vive encantada no novo terreo.
Detesta a compaña des porques e segue levando a voz cantante entre es equines, aínda que coa alta, nova e rabuda Noelia procura ter unha relación de respecto mutuo, evitando os conflitos.