

Tikka
Tikka ♡
Can
Era dun cazador
Conseguimos que nolo cedera
Foi atropelado
Recuperou a movilidade
A HISTORIA DE TIKKA
Rescatámolo a comezos do 2012 dunha situación terrible.
Nós coñecémolo véndoo correr polas Brañas de Sar, barrio no que vivíamos. Víamolo sempre so, correndo coma un tolo e con toda a pinta de terse escapado.
Un día, preguntando, soubemos que era dun veciño que, efectivamente nos confirmou que ás veces se lle escapaba. Pouco despois diso atopámolo cruzando a estrada sen ton nin son, poñendo a súa vida en risco. Conseguín paralo, quiteime o cinto e useino a modo de correa e acompañeino ata a súa casa agora que sabía cal era.
Pero o que vin unha vez alí non me deixaría indiferente.
Detrás da casa das persoas que tiñan a Tikka había unha casa en ruinas, sen fiestras nin portas e co chan feito escombros, completamente rebentado. Alí ao fondo había unha argola anclada á parede onde o ataban, unha vella lata con auga amarela e algúns ósos ciscados polo chan que parecían polo menos do paleolítico. Aquel era o fogar de Tikka, ese do que escapaba e ao que sen remedio volvía unha e outra vez.
Non podíamos deixalo vivir desa maneira, así que falamos co seu "propietario" e preguntámoslle para qué quería ao can vivindo nesas condicións. El contounos que atopara a Tikka no monte, perdido, e que o recolleu, pensando que un amigo cazador llo mercaría, pero que o amigo non o quixo e que entón que o tiña alí dende había meses.
Pedímoslle que nolo dera e así o fixo, pois recoñeceu que "non o quería para nada".
Cal foi a nosa sorpresa cando o levamos ao veterinario e descubriron que tiña chip. Contactamos coa persoa que llo puxera e resultou ser un cazador que lle prestou a Tikka a un amigo e este dixo que llo roubaran no monte. Ninguén denunciou nada nin o buscou. Simplemente perderan unha ferramenta, pero tiñan máis. Así funcionan es cazadores.
Nós xa adorábamos a Tikka e non pensábamos devolverllo a ese cazador. Así que nos citamos con el, comentámoslle que eramos dunha asociación (o que non era real naquel momento 😅) e que se quería recuperar ao can tiña que pagar a manutención e gastos veterinarios dende que desaparecera, había meses, porque era un delito non dar parte da súa desaparición. Ao final convencemos ao señor de que nos asinara a súa cesión para non terse que facer cargo dos gastos e voltamos para a casa aliviades de que Tikka non tivera que volver malvivir e ser explotado.
Tiña moitísimo medo, non soportaba os ruídos fortes e fuxía sen importar o que se levara por diante cando escoitaba un. Ademais, aínda que lle encanta rastrexar e pasear polo monte, adora tamén aos animais pequenos e vulnerables: coellos e bebés de tódalas especies son sempre os seus protexidos, e nunca sería feliz cazando.
O 4 de agosto de 2013 un golpe de mala sorte fixo que Tikka escapara do terreo do primeiro santuario. Ironías da vida, meu pai entraba co seu coche no terreo, cargado de material para aumentar a altura do valado e que Tikka non puidera escalalo e saltalo para escapar, cando o noso pequecho aproveitou para colarse e correr cara o monte.
Cando estaba de volta, case chegando á casa, unha furgoneta do pan atropelouno, partíndolle a columna en 2 e a nós a vida. Pensamos que o perdíamos pero, con moito esforzo, operacións, amor e paciencia conseguimos que se recuperara en grande medida e que voltara camiñar, aínda que non foi posible que volvera controlar os seus esfínteres.
Tikka agora é un avó, que segue sendo un saco de mimos que ladra desesperado para que o agarimes coma se ninguén o fixera nunca, que adora a auga e non perde oportunidade de bañarse en cada regato que atopa cando saímos de paseo. Que coas secuelas que ten e todo, non deixa de ir correndo polo monte, aínda que ás veces non lle dea tempo ás súas patiñas de atrás a seguirlle o ritmo e as leve un pouco arrastro. É adorable e moi amigo des súes amigues, especialmente de Mikka. Sempre que volven de paseo ela séntase ao seu carón e deixa que el a bañe de arriba abaixo coa súa lingua, deixándoa libre de auga e lama, mesmo antes de secarse el mesmo.
Tikka, todo corazón. Estamos desexando mudarnos para poder ofrecerlle unha vida mellor. No cuarto dos cans entra auga pola porta e as súas camas móllanse cando chove moito. Ademais a zona da palleira que é onde viven os cans xa víchedes como está, chea de lama. Cando toca ir para a cama, non queren saír da palla seca para cruzar pola lama e meterse no seu cuarto.
Queremos que Tikka pase a súa vellez nun lugar mellor, nunhas condicións mellores. Seguimos esperando un milagre.