

Sorte
Sorte ♡
Gata
Primero rescate
Chegou case morta
Pronto empezou a mellorar
Non imaxinamos a vida sen ela
A HISTORIA DE SORTE
Sorte é unha gatiña tricolor, a primeira que rescatamos Mario e eu dunha morte segura, sen ter en conta ás gatiñas e gatiños da colonia que coidábamos.
Apareceu en Pontevedra sendo un bebé de menos de 2 meses. Unha noite unhas amigas chamaron á nosa porta e cando abrimos vimos que traían nas súas mans un bebé de gato morto. Ou iso parecía.
Polo seu pequeno e delgadísimo corpo aínda corría algunha formiga das que intentaban devorala na cuneta, debaixo do coche onde a recolleron.
Tiña unha brida apretada ao redor do seu pescozo. Non sabemos canto tempo levaría con ela posta, pero ao quitarlla faltáballe o peliño todo de arredor.
Estaba manchada de cemento por todo o seu corpo. Parecía que alguén estivera xogando a un xogo macabro co seu corpiño inocente na obra ao lado da que apareceu case inerte.
Puxémola enriba dun coxín e observámola. Estaba viva? A penas se lle sentía respirar.
Acariñámola e moveu un pouquiño a boca, como intentando tragar saliva, pero parecía deshidratada. Pousamos unhas gotas de auga nos seus beizos, unha a unha, e pouco a pouco pareceu volver á vida. Ergueuse sobre o coxín e empregou as poucas forzas que tiña para facer caca, expulsou unha gran cantidade dunha pasta rosada que parecía cal mesturado con sangue.
Levámola á vete, tivémola a dieta moito tempo e pouco a pouco aquela cousiña tan pequena e delicada que parecía que ía romper foise convertindo nunha gatiña agradecida, fermosa e forte.
Para cando fomos a castrala con 6 meses a veterinaria tivo que reforzar as costuras da castración porque coa graxa que tiña na barrigola tiña medo de que se saltara algún punto ????????♀️???? Lonxe quedaba aquela sombra do que foi.
E máis lonxe queda agora, tantos e tantos anos despois. Levamos máis dunha década (dende 2010) de durmir ben xuntiñas, sempre pegadiña á miña cabeza. De lamerme o nariz e a cara e que eu faga de tripas corazón aínda que me leve a epidermis en cada lametón. De acompañarme ao baño e tirarse de golpe ao chan diante miña, de lado, ensinándome a barriga como dicindo: veña, toca, que sabes que non te podes resistir. E é, certo, non podo.
Non nos imaxinamos a nosa vida sen ela. E tampouco a do santuario. Aquel día que aquelas amigas nos trouxeron o seu corpiño case inerte e nos deixaron a soas con aquel bebé moribundo, aquel día que a miramos e despois nos miramos Mario e máis eu, e nos botamos a chorar de impotencia, aquel día naceu Vacaloura nos nosos corazóns, aínda que tardaría en materializarse uns anos máis. Pero foi Sorte a que sementou ese desexo, esa inquedanza, nos nosos corazóns.