Reich

no-recordo
Chegou ao santuario con 3 días de vida
Tivo distintos problemas de saúde
Pero é forte e saíu adiante
Fai vida coa manda de cans

A HISTORIA DE REICH

Reich é unha ovella que chegou ao santuario sendo unha bebé de a penas 3 días de vida.

Unha parella atopouna no campo pola noite, sen rabaños nin casas preto aos que puidera pertencer. Sen embargo, nacera había pouco e estabase quedando conxelada coa xiada da noite.

Recollérona e cuidárona como puideron durante os dous días seguintes, ata que nos atoparon e se puxeron en contacto connosco para que nos fixéramos cargo.

O 15 de setembro de 2020 chegaba ás nosas vidas para enchelas de amor e alegría.

Tiña unha diarrea que pronto se lle pasou e unha tose ocasional que en principio non nos pareceu grave pero que aos poucos días resultaría no diagnóstico dunha neumonía. Estivo a tratamento os primeiros meses da súa vida ata que conseguimos erradicar a enfermidade. Aínda que nos dixeron que o máis probable era que quedase con secuelas, nas radiografías de control que fixemos cando tiña sobre un ano de idade parecía que os seus pulmóns eran por fin normais ????

Como estivo tanto tempo delicada de saúde (aínda que a excepción duns 3 días o resto do tempo sempre pareceu a ovella máis sana do mundo), viviu moito tempo dentro da casa con nós. A coella Alice foi quen lle ensinou a comer feo, porque Reich non tiña moito instinto de supervivencia nese sentido e aínda hoxe mantén a idea de querer comer cousas estrañas (cepillos, cordas, pintura das paredes,...) polas que demostra máis interese que polo forraxe ????

Tanto tempo convivindo con nós fixo que o noso vínculo fose moi forte e non se separaba nin un segundo de nós e senón choraba desconsolada.
Un día presentámoslle aos cans e amosou moitísimo interese por Gorka, o seu pelo lembráballe ao da súa nai humana e tamén intentaba comelo). Probamos a deixala soa cos cans e por primeira vez en meses conseguimos separarnos dela sen que se botara a chorar. A partir de aquí, e aínda que a Gorka non lle facía moita gracia inicialmente, convertémolo no coidador de Reich.

E, dende entón, Reich vive, come, pasea e durme cos cans. Se a separamos deles chora desconsolada. Intentamos xuntala con outras ovellas, cordeiros,... E nada, nunca amosou o máis mínimo interese.

Aquí respectamos a súa decisión de formar parte da manda canina e ela é feliz que é o único que nos importa. Ás veces poderedes vela de paseo polo monte, na praia, na furgo,... Pero sempre acompañada da súa familia de cans.

Cada ovella ten a súa personalidade, gustos e preferencias, son individuos conscientes, sentintes e desexosos de gozar da vida. Que non sexa o teu egoísmo quen lles arrebate iso demandando a súa carne, o seu leite ou o seu pelo (la).