Santuario Vacaloura

Pippi

porcos

Pippi

Porca cruce de porco celta e xabarín

Foi o premio dun sorteo
Chegou en 2005
Durmía na cama
Pero agora é moi independente

A HISTORIA DE PIPPI

Pippi é unha porquiña cruce de porco celta e xabarín. Chegou en 2015 ao santuario.

A súa historia comeza nun pobo de Galiza, nunha feira medieval. Pippi, con só un mesiño e medio de vida foi levada ata alí para ser sorteada.

Entre a música, os berros e o ruído da festa, aquela bebé recén separada da súa nai tiña que estar moi asustada. E o peor estaba por vir. Sorteouse e tocoulle a unha rapaza nova que estaba de festa coas súas amigas e non sabía qué se supoñía que ía facer cunha porca bebé toda a noite. Nin tampouco máis alá.

Entón, un grupo de rapaces que tamén estaban de festa pero que eran moito menos sensatos e dende logo tiñan menos sensibilidade, ofrecéronlle cartos por ela. Querían divertirse esa noite a costa de emborrachala e rirse dela. A rapaza non sabía qué facer. Por sorte, nun dos postos de venda había unha persoa que coñecía a labor do santuario e que estaba sensibilizada co sufrimento dos demais animais e estaba sendo testemuña de todo. Por un momento, deixou de lado o seu traballo e foise a falar coa rapaza. Díxolle que non lle ofrecía cartos pero que se lle daba a ela á porca levaríaa a un lugar onde viviría por sempre feliz e nunca lle farían dano. Por sorte, a rapaza preferiu esa opción que a de lucrarse e, nese xesto, tan simple, ofreceulle a oportunidade dunha vida de respecto, coidados e amor a Pippi.

Así foi como chegou a nós sendo só unha bebiña. Durmía na cama entre Mario e eu e cando tiña calor comezaba a deslizarse debaixo das sabas reptando ata alcanzar os pés da cama. Por alí asomaba un pouco o fuciño cara fóra para estar máis fresca e continuaba durmindo.

Dende entón, pasaron anos e tamén medrou e engordou moitos quilos, convertíndose na fermosa porca adulta que é hoxe en día. É moi independente pero ao mesmo tempo nunca deixará de ser a nosa pequena, e nunca di que non a uns bos mimos.

Librouse de ser comida nun matadoiro, un trofeo de caza no monte, un puro obxecto de divertimento nunha feira medieval. E todo grazas a pequenos xestos de varias persoas. Por iso, nunca subestimes o poder que tes para cambiar o mundo porque, aquela noite ninguén cambiou o mundo enteiro, pero o mundo de Pippi sí cambiou enteiro.