Pavero

equinos
Mercárono unhes peregrines
Foi maltratado
É o mellor amigo de Fuyu
Encántanlle as persoas

A HISTORIA DE PAVERO

Pavero é o burro máis cariñoso do mundo mundial. Adora as visitas, as caricias, ás persoas humanas.

E iso que, como aos demais animais do santuario, es humanes fixémoslle varias malas xogadas antes de chegar aquí.

A Pavero vírono unhes peregrines nunha finca sendo maltratado e decidiron mercalo, segundo eles, para axudalo.

Pero o que fixeron despois fainos sospeitar que o que lles preocuba realmente non era o animal. A pesar de que Pavero tiña as mans e os pés enfermos e doridos decidiron continuar facendo o camiño con el no canto de prestarlle a asistencia veterinaria que necesitaba e deixalo descansar e recuperarse, ademais de manter o seu libre albedrío sen ser obrigado a camiñar durante quilómetros.

Pero Pavero estaba canso e dorido e non quería seguir camiñando, así que se negou a facelo e só entón es peregrines decidiron buscar a alguén que realmente o axudara. Puxéronse en contacto connosco e aínda que normalmente nos negamos a recoller animais mercados, neste caso es peregrines marchaban para os seus respectivos países nun poucos días e non queríamos que deixaran a Pavero abandonado despois de que deixara atrás a súa situación de maltrato.

E así veu parar aquí, sendo un burriño moi novo e agarimoso. Os seus pés curáronse en seguida con bo trato e boa alimentación e coidados. Coñeceu a Fuyu, o poni, e fixéronse mellores amigos, inseparables, de feito. Dende entón botan todo o día xogando pola finca, botando carreiras, dándose bocados de amor e paseándose o un ao outro polo collar (sisi, como o oídes). Fan unha parella brutal.

Cando hai xornadas de portas abertas os dous corren dende a outra punta da finca a recibir ás visitas, saben que recibirán cariño e piropos sobre o guapos que son e non hai nada que lles guste máis. Se Pavero se achega a ti terás que aferrarte ben ao chan, pois probablemente se frote a ti con tanta forza que che faga perder o equilibrio, pero perdoaraslle todo ao ver os seus ollos chapapote mirarte como só el sabe facelo.