Noelia

equinos
Vivía nunha finca okupada
Estivo a piques de morrer de inanición
Cando chegou cedida ó santuario era moi violenta
Mellora pouco a pouco a pesar de todo o que pasou

A HISTORIA DE NOELIA

Noelia vivía con Miguel, o poni, e con 3 cans máis nunha finca okupada.
Pasaban moitísima sede e fame pois na finca non había auga corrente, só unha bañeira que se enchía coa chuvia e que permanecía baleira nas épocas de seca. Case nunca ían a botarlles de comer e na pequena finca xa non medraba unha soa herba.

Un dos cans escapou daquel terrorífico lugar pero acabou atropelado nas vías do tren. Outro dos cans, desesperado, comeuse ao máis pequeno deles, pero igualmente morreu de fame, coa cadea tensa, intentando achegarse aos restos mortais do seu compañeiro para poder alimentarse.
Noelia e Miguel tamén sufrían os efectos da inanición e da sede. Cun peso moi baixo, dermatite na pel, otite e conxuntivite os seus riles e fígados consumíanse pola falta de alimento e auga.

Aínda que se intentou por vía administrativa e xudicial que nos cederan a estes 2 supervivientes as autoridades non respostaban mentres os seus corpos se ían consumindo e a situación se volvía cada vez máis insostible.
Por sorte, co seu propietario no cárcere con causas pendentes por violencia de xénero e por maltrato animal, conseguimos que a súa parella sentimental, na que recaía o seu coidado ante a ausencia da súa parella, e que non tiña medios para facer fronte a esta responsabilidade, nos cedeu aos animais e dese xeito a súa vida puido salvarse.
Hoxe viven no santuario e recuperaron por completo o seu peso e a súa saúde.

Noelia leva a fame tatuada no seu cerebro e nunca olvidará as ganas que pasou de comer. Por iso sinte bastante ansiedade coa comida e se pon un pouco violenta coes súes compañeires cando chega o momento dos almorzos e das ceas. Chegou moi enfadada e violenta pero co tempo foi calmando o seu carácter ao ver que cada día ten as súas necesidades cubertas e que non lle facemos ningún mal. Ten unha gran cicatriz nunha das súas pernas, lembranza do maltrato que lle tocou vivir e que non se pode olvidar tan facilmente.