Miguel

equinos
Vivía nunha finca okupada
Estivo a piques de morrer de inanición
É o máis solitario des equines do Santuario
Gústalle xogar ás veces con Fuyu

A HISTORIA DE MIGUEL

Miguel vivía con Noelia, a egua, e con 3 cans máis nunha finca okupada.
Pasaban moitísima sede e fame pois na finca non había auga corrente, só unha bañeira que se enchía coa chuvia e que permanecía baleira nas épocas de seca. Case nunca ían a botarlles de comer e na pequena finca xa non medraba unha soa herba.

Un dos cans escapou daquel terrorífico lugar pero acabou atropelado nas vías do tren. Outro dos cans, desesperado, comeuse ao máis pequeno deles pero igualmente morreu de fame, coa cadea tensa, intentando achegarse aos restos mortais do seu compañeiro para poder alimentarse.
Noelia e Miguel tamén sufrían os efectos da inanición e da sede. Cun peso moi baixo, dermatite na pel, otite e conxuntivite, os seus riles e fígados consumíanse pola falta de alimento e auga.

Aínda que se intentou por vía administrativa e xudicial que nos cederan a estes 2 supervivientes as autoridades non respostaban mentres os seus corpos se ían consumindo e a situación se volvía cada vez máis insostible.
Por sorte, co seu propietario no cárcere con causas pendentes por violencia de xénero e por maltrato animal, conseguimos que a súa parella sentimental, na que recaía o seu coidado ante a ausencia da súa parella e que non tiña medios para facer fronte a esta responsabilidade, nos cedeu aos animais e dese xeito a súa vida puido salvarse.
Hoxe viven no santuario e recuperaron por completo o seu peso e a súa saúde.

Miguel é un poni tranquilo e afable, non lle gustan os protagonismos pero non di que non a un mimo. Dentro des equines que viven en Vacaloura quizais sexa o máis solitario, quizais o terror vivido deixou un ronsel de melancolía na súa personalidade que só se irá desvanecendo co paso do tempo. Menos mal que o poni Fuyu está aí para sacalo ás veces da súa soidade cos seus xogos.