Gorka

cans
Apareceu abandoado
Encántalle ver as postas de sol
É o máis grande da manda
Ten problemas de oído

A HISTORIA DE GORKA

É o mellor amigo de Reich. Ou iso pensa ela. Dende que o coñeceu non se separa un cm del. E aínda que el ao principio era bastante reticente parece que xa aceptou o seu papel de Nanny Can.

A Gorka atopouno Mario vagando pola estrada preto da primeira ubicación do santuario. Era o verán de 2014 e Gorka tiña escasos 2 anos.

Chegou cunha infección de oído que co tempo descubriríamos que era crónica, cunha moa rota e co pelo cortado a trasquilóns.

Sabía sentarse, dar a pata e ser terriblemente adorable, esta última sempre será a súa gran habilidade.

Gáñase ao voluntariado e ás visitas con esa cariña tan tenra que pon e dando a pata ata o infinito se non se lle están dando mimos.

Ten un xeito moi peculiar de camiñar movendo a cadeira como se estivera bailando salsa.

Os seus problemas crónicos de oídos fan que teña os dous tímpanos perforados, que escoite regular (e que ás veces finxa que non escoita ????), que estea súper acostumado ás limpezas, curas e manipulacións sen rechistar.

Cos seus 35 kg é o can máis grande da manda vacaloura e algunhas veces a xente asústase del cando imos de paseo, cando os macarras reais son os pequenos.

No primeiro terreo do santuario tiña un sitio fixo dende o que cada tarde se deitaba a ver a posta de sol. No actual non ten acceso a un lugar onde poder facelo. Qué ganiñas de estar pronto no seu fogar definitivo e recuperar ese costume que tanto lle gustaba.

Gustaríanos que a persoa que o abandoou soubese que perdeu a oportunidade de compartir a súa vida cun ser incrible, que nos está dando multiplicado por mil o pouquiño que nós lle damos, que nos alegramos que o tivera deixado naquela estrada, porque dende logo non se merecía compartir a súa vida con el.

Xa sabes, non merques, adopta e, sobre todo, nunca, nunca abadones.